Thursday 02 de May de 2024

Dolores González Castro gaña o concurso de fotos “A muller máis importante na miña vida”


 

Preto de 70 persoas asistiron á entrega de premios e ao concerto “Tecendo soños” de Esperanza Mara, que contou coa participación de dúas veciñas de Lousame: Araceli de Blanco e María Teresa de Cosme

Máis de setenta persoas participaron na noite de onte domingo nos actos organizados polo Concello de Lousame para conmemorar o Día da Muller. Así, a Casa da Cultura acolleu durante unha hora unha exposición coas 29 fotografías presentadas ao con curso “A muller máis importante na miña vida”, levado a cabo na Internet durante as tres últimas semanas. Unha mostra efímera, pois as imaxes foron o agasallo que levaron esas 29 persoas por participaren no concurso.

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, foi a encargada de ler un manifesto institucional polo Día Internacional da Muller e de desvelar a identidade da gañadora do certame entre as cinco persoas finalistas. Cinco persoas que ensinaron diante do público as súas propostas e deron lectura aos emotivos textos que as acompañaban, polo que houbo máis dunha bágoa tanto entre as finalistas como entre o público.

Premios

Finalmente, Dolores González Castro gañou o concurso cunha antiga fotografía da súa avoa e cun texto que dicía: “Miña nai non tivo nai, só ten esta foto. E sabe que era baixiña e tiña os pés feitos ó torno. Sempre a añorou e a quixo, e nos malos momentos dicía o peor é non ter nai nin poder falar dela”. Silvia Agrafojo entroulle un premio de unha tarxeta agasallo “3 días en rincóns únicos”.

Por segundo ano consecutivo, Luz María Sambado Roo recolleu o premio á fotografía máis premiada por Internet, consistente nunha tarxeta regalo “3 días con encanto”. Así mesmo, Raquel Abelleira Romarís, veciña de Noia, recolleu o seu agasallo dun vale para unha cea para dúas persoas nun restaurante do municipio.

Silvia Agrafojo lembrou que “no primeiro ano, puxemos en valor o traballo da muller. No segundo, a corresponsabilidade nas tarefas do fogar e neste terceiro apostamos por destacar a aquelas mulleres máis importantes das vidas dos nosos veciños e veciñas”. Unha proposta que espetou o interese de 4.946 persoas, na súa maioría veciños de Noia e de Lousame, pero tamén do resto da comarca do Barbanza e de cidades como Coruña ou Santiago de Compostela. Por xénero, o 65% dos votos son de mulleres e o 35% de homes; mentres que por idades, o 66% ten entre 25 e 44 anos. As 29 fotografías presentadas recibiron un total de 2.572 votos (un 55,8% máis co ano pasado) de 1.322 persoas (un 59,85% máis ca en 2019).

Concerto
Previamente, ás 19:00 horas, o auditorio da Casa da Cultura acolleu o concerto “Tecendo soños”, coa soprano Esperanza Mara na voz e na creación artística e con Alfredo Susavila ao piano. “Tecendo soños” é un proxecto de recuperación e divulgación dos cantos de arrolar no Barbanza co que colabora o Concello de Lousame. Esperanza Mara puxo en valor este traballo como “unha forma de evitar que se perda a nosa tradición oral, que se mantén grazas aos nosos maiores”.

De feito, dúas desas veciñas que participaron no proxecto, Araceli de Blanco e María Teresa de Cosme, subiron ao escenario a compartir a experiencia e mesmo se animaron a contar algún dos cantares que escoitaban cando eran nenas. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, destacou que ese acto era “unha homenaxe ás nosas nais e a todas esas mulleres loitadoras que traballaban todo o día pero sempre tiñan un sorriso, que pasaban fama pero que tiñan unha caricia para que os seus fillos e fillas non sentiran que lles faltaban cousas, e os educaban con amor”.

Nese sentido, Villaverde Pais asegurou que “non todo está nas redes nin nos móbiles. Hai que falar cos nenos e nenas. Contarlles como se vivía, transmitirlles os valores. Conservar esa tradición oral que se está perdendo, como di Esperanza Mara, e ensinarlles dende pequenos que homes e mulleres somos iguais. E pedir respecto, con dous tacóns”.